A RAG celebra o inicio dunha “festa das letras” dedicada a Luísa Villalta

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable da páxina web, Fina Casalderrey, inauguraron a nova edición do proxecto dixital
A RAG celebra o inicio dunha “festa das letras” dedicada a Luísa Villalta
A Real Academia Galega presentou este martes o conto-biografía sobre Luisa Villalta

A vila de Sada converteuse en epicentro das celebracións da Real Academia Galega (RAG) dedicadas a Luisa Villalta, homenaxeada este 2024 no Día das Letras Galegas. As comunidades educativas do CEIP Sada y sus Contornos e IES Isaac Díaz Pardo –onde Villalta foi profesora desde o 91 ata o seu pasamento, no 2004– uníronse para lembrar a figura dunha “mestra humanista” que morreu “no mellor momento da súa capacidade creativa”, sinalaron, respectivamente, o alcalde Benito Portela e a académica Fina Casalderrey.


“Hoxe Sada é unha festa, é unha alegría ver aos pequeniños arredor da figura de Luísa Villalta”, dixo o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que destacou o papel dos docentes para “transmitir o aprecio e o coñecemento da nosa lingua”. Pola súa parte, Casalderrey gabou o labor de Xoán Babarro e Ana María Fernández na biografía da autora, un ‘manual’ que serviu como base para a obra de teatro sobre Villalta que representaron os nenos do Sada y sus Contornos na Casa da Cultura Pintor Llorens.


Desde o IES Isaac Díaz Pardo, os estudantes Roque Souto, Eva Mato e Candela Naya deron lectura a varios fragmentos de obras da autora.


Luísa Villalta deixou unha fonda pegada na vila, sostivo Portela, antigo alumno seu –igual que o concelleiro de Cultura, Marcos Villar–. Coas bágoas a piques de saír, o rexedor sadense comentou que “Luísa ensinaba lingua galega, pero ensinábanos cousas sen necesidade de falar”.

 

Testemuño da familia

Fina Casalderrey salientou do Día das Letras 2024 a importancia de “gozar do testemuño directo da nai da homenaxeada, da irmá, de amigos, de compañeiras de estudos, de instituto, de exalumnos... é como tocala a ela, algo que case nunca acontece”. A académica calificou a Luísa Villalta de “intrépida corsaria que lle pegaba ben a todo: poesía, teatro, ensaio, narrativa...unha muller comprometida coa sociedade, coa ecoloxía e co feminismo”.


Pola súa parte, a irmá de Villalta, Susana, amosou a súa “emoción” por un acontecemento “moi importante, como é o feito de que Luísa chegue aos máis pequenos”.

A RAG celebra o inicio dunha “festa das letras” dedicada a Luísa Villalta

Te puede interesar