Novos e maiores afondan na riqueza lingüística de Arteixo

Novos e maiores afondan na riqueza lingüística de Arteixo
Participantes no proxecto

Alumnos do IES Manuel Murguía e maiores de Arteixo participan mañá, xoves, na Olimpíada Trocando Linguas da Universidade de Santiago de Compostela, o acto final das actividades de investigación participativa que realizaron dentro do proxecto Equilin Galicia, sobre a transformación sociolingüística.


Coordinados polas profesoras da USC Gabriela Prego, María Caamaño, Marta Estévez e Luz Zas, os rapaces analizaron as linguas nos seus entornos familiares, axudados por un grupo de maiores con traxectorias migratorias e repertorios lingüísticos diversos –asesorados pola educadora social Pitusa Vaamonde–, co fin de propiciar un intercambio de experiencias.


Xa no instituto, os docentes Patricia Calviño, Cathia Capelán, Valentina Formoso, María Jesús Mourín, Bernardo Penabade, Teresa Seara e Alexandra Recarey guiaron ao estudantado no seu traballo etnográfico con xogos, dramatizacións, microrrelatos, entrevistas na rúa e faladoiros. China, Tailandia, Australia, Marrocos, Venezuela, Colombia, Xordania, Rusia ou Holanda son só algúns dos países dos que proveñen moitos habitantes de Arteixo, cos seus correspondentes idiomas e variantes dialectais.


A emigración que marcou á comunidade galega provocou que moitos arteixáns se mudasen a outras partes do mundo e trouxesen novos sons á localidade, indican os impulsores do proxecto, ademais de albergar Arteixo unha importante comunidade musulmana.


Na presentación –que será mañá ás 10.30 horas e pode seguirse por streaming no canal da USC– estará presente o Decano da Facultade de Filoloxía, Elías Feijo Torres, e o traballo pasará a formar parte do Atlas Virtual para a Educación Lingüística na Superdiversidade.

Novos e maiores afondan na riqueza lingüística de Arteixo

Te puede interesar