Traballar, conciliar, vivir

Cada Primeiro de Maio, no mundo enteiro conmemórase o Día Internacional das e dos Traballadores, lembrando as loitas históricas do movemento obreiro por condicións laborais xustas. Con todo, á hora de reflexionar sobre o legado daqueles que demandaron “traballar, descansar, vivir”, estamos chamados a transformar esas palabras en accións concretas no presente.


A precariedade laboral dominante teceu unha tea de araña que aprisiona a millóns de asalariados no ámbito territorial do estado español e, de forma moito máis acusada se cabe, aquí, no galego. Os baixos salarios coa cesta da compra disparada nos prezos dos produtos básicos, a inestabilidade no emprego coa súa ameaza de trocos futuros e a falta de oportunidades de mellora na perspectiva do emprego son os ladrillos desta construción inxusta. Para moitas persoas, o traballo xa non é só un medio para vivir, senón unha loita constante pola supervivencia.


Precariedade que non é só unha cuestión económica, senón que ten ramificacións sociais e persoais profundas. Os salarios insuficientes e a temporalidade perpetúan a pobreza, facendo que sexa case imposible emanciparse do fogar familiar ou adquirir unha vivenda propia. Mesmo o simple alugueiro dunha vivenda convértese nun luxo inalcanzable para demasiadas persoas.


Porén a inxustiza non remata aí. A dificultade para conciliar a vida laboral, persoal e familiar converteuse nunha montaña insuperable para moitos. A falta de tempo e recursos para coidar da familia ou simplemente gozar da vida, socava o tecido mesmo da nosa sociedade. A baixa taxa de natalidade, alimentada por esta loita diaria, ameaza con deixar un futuro baleiro para as xeracións vindeiras. Obviamente tamén condicionará ás pensións de xubilación e ao benestar do porvir.  


Onde quedaron as promesas dun futuro mellor?. Como podemos reconciliar a realidade actual coa visión daqueles que loitaron polos nosos dereitos laborais?.


É hora de reavivar o espírito de solidariedade e loita que impulsou ao movemento obreiro do pasado. É momento de actuar. É esencial modificar a regulación legal, derrogando a reforma laboral herdada e avanzar  cara a unha semana laboral de 35 horas en 4 días de traballo. Esta medida non só é xusta, senón necesaria para garantir un equilibrio adecuado entre traballo digno e vida persoal.


A pesar do negro presente, a loita por un futuro laboral máis xusto e equitativo segue en pé. O Día Internacional das e dos Traballadores lémbranos a forza do movemento obreiro, do sindicalismo de clase e da capacidade das persoas para organizarse e loitar polos seus dereitos. Agora e sempre.

 

Traballar, conciliar, vivir

Te puede interesar