Leria | “O esforzo é o noso obxectivo, seguir traballando xuntas”

A formación coruñesa actúa este venres no Garufa Club, xunto a Rocío Saiz, no marco dos actos que Les Coruña propón para conmemorar o Día da Visibilidade Lésbica. “Música en directo ao 100%” e “toda en galego” será o leitmotiv do seu concerto
Leria | “O esforzo é o noso obxectivo, seguir traballando xuntas”
As catro integrantes da banda coruñesa Leria | Cedida

As rúas da Coruña xa escoitaban hai un par de anos a música que o grupo herculino Leria leva agora polas salas de toda Galicia. A banda que conforman Andrea, Itzi, May e Hele arribarán este venres, día 26, ao Garufa Club, onde xunto a Rocío Saíz formarán parte da programación que Les Coruña leva a cabo polo Día da Visibilidade Lésbica.
 

Mayra Vila, a voz do grupo, ten claro o que pode esperar o público que o venres pase pola sala de concertos de Riazor: “Música en directo ao 100%, que para nós é algo importante, e toda en galego”. Indo un pouco máis ao detalle, explica que a súa proposta será un “pouco máis íntima ao principio”, pero, chegado o momento, “sí que é puro baile, puro disfrute, enerxía do concerto”.
 

Ao Garufa chegan tras a publicación do seu primeiro disco hai apenas un mes. ‘Marusía’, apunta a voz de Leria, é un proxecto “que levamos preparando desde que empezamos”. Coas súas primeiras cancións, e as que viñeron despois, crearon unha sorte de “relato destes últimos anos, nos que cada canción pertence un pouco a cada época”. “Para nós, é como a historia desde o noso comezo, a nosa carta de presentación como grupo, o que queremos mostrar que somos”.
 

Entre os dez temas que contan a historia de Leria hai tamén colaboracións e incluso homenaxes, como é o caso de ‘Blaidin lais’, unha sorte de tributo ao ‘Blinding Lights’, de The Weeknd. Foi a propia Mayra quen a compuxo e quen, entre risos, asegura que “non ten moita chicha”, aínda que explica que, pese a non ser unha traducción literal, “quen a analice un pouco, vaise dar conta de que cada palabra que rima, ou que acaba a frase, garda esa vogal final coa vogal da letra orixinal en inglés, que foi algo que coidei bastante”. 


No disco tamén sobresaen colaboracións como as de Sophie Simonds ou Sara, de Superglú. En ambos casos, destaca Mayra, que son personas ás que admiran profundamente. 

 

Da rúa ás salas

O proxecto comezou tocando nas rúas e foi cunha invitación para actuar na Mardi cando se ampliou a formación. Foi aquel primeiro “concerto de verdade, preparado, con tres cancións nosas” o que fixo a idea evolucionar. “Viña a nós, non o estabamos a buscar, nós acollémolo e dixemos: ‘Vamos a seguir por aí, a ver que pasa’”.


Pero nunca se marcaron un obxectivo como tal, máis alá de seguir esforzándose: “O esforzo era o noso obxectivo, ir traballando xuntas”. “Neste momento, estamos fluíndo, pero moitísimo”, apunta Mayra entre risas. “Non se nos sube á cabeza, somos un grupo moi humilde, temos clarísimo que temos que traballar moitísimo”, asegura, mentres subliña que non se marcan máis obxectivos que “seguir mellorando,seguir ensaiando, porque, para nós, o directo é superimportante, é onde a xente se pode quedar”. 

Leria | “O esforzo é o noso obxectivo, seguir traballando xuntas”

Te puede interesar